Saturday 18 de May de 2024

Fene, coa ciencia en galego


Con motivo da vindeira conmemoración do “Día da Ciencia en Galego”, os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística dos centros de ensino de Fene e a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística están perfilando un amplo programa de actividades que se desenvolverá durante todo o mes de novembro e a primeira quincena do mes de decembro. A convocatoria dun concurso de relatos e debuxos e unha conferencia de Jorge Mira, catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago, marcarán o comezo do ciclo de actividades.
O Concello de Fene e a comunidade educativa do termo municipal únense á celebración do “Día da ciencia en galego”, que se conmemora este martes, coa intención de poñer en valor o uso do galego no ámbito científico e de contribuír a promover a investigación desenvolvida na nosa lingua. A xornada está adicada este ano ás figuras de Isaac Newton e Xosé Rodríguez.
Con esta conmemoración preténdese crear, ensinar e aprender ciencia en galego, promovendo distintas actividades que se desenvolveran tanto nos centros de ensino coma noutros espazos municipais, dirixidas ao o público en xeral.
Entre as actividades que realizarán os centros de ensino, salienta a montaxe dunha exposición colectiva (do 1 ao 15 de decembro) na Sala de Sesións da Casa do Concello, en base a distintos aparellos fabricados nos propios centros como, por exemplo, unha cámara de ionización caseira para detectar partículas alfa ou radón.
Tamén se convocará un concurso de relatos breves relacionados coa ciencia ou a ciencia-ficción, dirixido ao alumnado de intantil, primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos. En infantil e primaria a participación será colectiva e a modalidade, o debuxo. No resto, a participación será indiviual e a modalidade, o relato. Tanto os debuxos coma os relatos poderán versar sobre: historias de ciencia-ficción; historias de ciencia; historias de traballo en laboratorios; experiencias ou ficcións en base a experiencias; científicos e científicas. Segundo se establece nas bases, primaranse os traballos que inclúan a mulleres como protagonistas. Os alumnos/as interesados en participar terán de prazo até o 27 de novembro. E, en canto aos premios, éstes consistirán en lotes de libros, tabletas, i-pod……
No apartado de circuitos científicos, representacións teatrais e conferencias, o programa do “Día da ciencia en galego” en Fene contempla tamén representacións da obra “Naufrag@s” ou do espectáculo “Maxia versus Ciencia”, para alumnos de infantil e primaria. Ambos os dous espectáculos pretenden “espertar a curiosidade científica e a imaxinación cos experimentos, disparatadas ocorrencias e inventos dos científicos protagonistas, á vez que aprenden unha reacción química, a electricidade estática, a 3ª Lei do movemento de Newton, a diferenza de presión ou o estado da materia”.
Para o alumnado do IES de Fene está prevista unha conferencia do físico, divulgador e investigador científico Jorge Mira baixo o título “A ciencia no punto de Mira”. Nesta charla, que se celebrará o 12 de novembro, o autor achegará a súa visión sobre a ciencia no cotián, baseándose no libro do mesmo título. Tamén se está a xestionar unha conferencia para o alumnado do CPI a Xunqueira sobre “O Día da Ciencia en Galego, a cargo da escritora Marilar Aleixandre.

De cara ao público en xeral, o Concello de Fene adianta que se están a programar dúas charlas na Biblioteca Municipal “Xosemaría Pérez Parallé”. A primeira, titulada “Cando fomos os mellores”, correrá a cargo dun enxeñeiro naval e profesor universitario que traballou en Astano e que dará unha visión da tecnoloxía cando Astano era unha empresa punteira. Na segunda, impartida por un físico galego que traballou no CERN, farase un achegamento á figura de Newton.